Sunday 05 de May de 2024

O Grupo de Goberno secunda a moción conxunta en apoio da ILP “Esenciais” para a regularización extraordinaria das persoas migrantes


O Grupo Municipal Socialista, Compostela Aberta e o BNG levarán ao pleno ordinario de mañá unha moción conxunta en apoio da campaña da Iniciativa Lexislativa Popular “Esenciais” para a regularización extraordinaria das persoas migrantes no Estado español, co obxectivo de colaborar na súa difusión, promover a concienciación popular e apoiar a recollida de sinaturas.

Segundo as últimas estimacións, entre 290.000 e 470.000 persoas residen de forma irregular no Estado español, das cales un terzo serían menores de idade.

O sistema de acceso á residencia contemplado na Lei de Inmigración LO 4/2000 é insuficiente e limitado e non se axusta á realidade actual dos/as emigrantes que viven e traballan no Estado español. O motivo disto é, por unha banda, que os criterios de acceso á residencia son moi restritivos e moi difíciles de cumprir e, por outra, que o procedemento administrativo implantado é lento, burocrático e ten unha alta marxe de discreción á hora de outorgar autorizacións ou renovalas.

Esta dinámica xera unha espiral de vulnerabilidade e desprotección que aumenta a exclusión social e afecta á sociedade no seu conxunto. Por iso, os tres grupos consideran fundamental buscar mecanismos que garantan que estas persoas poidan saír da situación de invisibilidade e “non dereitos” como consecuencia do estado migratorio irregular. E fano apoyando esta ILP, respetuosa co ordenamiento xurírico actual.

Entre as razóns que xustifican esta regularización extraordinaria estaría o respecto aos dereitos fundamentais de cada ser humano. E tamén a gran contribución económica e fiscal que representan para a sociedade no seu conxunto. Ademais, a existencia de case medio millón de persoas fóra do radar das institucións e a planificación dos servizos públicos supón un déficit de gobernanza pública que debe ser corrixido.

Ademais, esta proposta está estreitamente aliñada con acordos e iniciativas internacionais cos que o Estado español se comprometeu solemnemente. Estes inclúen a Axenda 2030 das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentábel (Obxectivo 10), o Pacto Mundial para unha Migración Segura, Ordenada e Regular e o actual Pacto Europeo sobre Migración e Asilo, asinado en 2008. Proposta de reforma, esta última, -proposta pola Comisión Europea o 23 de setembro de 2020-.

Por iso, ademais dese apoio a campaña da ILP, o Grupo Municipal Socialista, xunto a Compostela Aberta e o BNG, tamén acorda apoiar o texto articulado do proxecto de Lei que establece unha regularización extraordinaria para os e as estranxeiras; trasladar o acordo plenario á Plataforma “Esenciais”, á Presidencia do Goberno de España, ao Congreso e ao Parlamento de Galiza; promover o compromiso do Concello de Santiago de Compostela cos dereitos e liberdades das súa veciñanza e coa loita por unha cidade e unha sociedade máis xusta, equitativa inclusiva e democrática; e difundir esta moción entre a cidadanía.